Finalizada con éxito a novena recolección masiva anual do dominio .gal, con máis de 7.200 páxinas web
A Biblioteca de Galicia en colaboración coa Biblioteca Nacional de España (BNE) e PuntoGal, entidade encargada da xestión e promoción dos dominios .gal, finalizou con éxito a novena recolección masiva do dominio .gal, que logrou recoller máis de 7.200 dominios.
Este novo gardado supón renovar o compromiso coa conservación da lingua e a cultura galegas no século XXI. As páxinas web recompiladas reflicten a importancia da nosa lingua, que falan máis de dous millóns de persoas e que é herdeira dunha longa tradición.
O gardado masivo de sitios web supón un gran desafío técnico que leva diferentes etapas. O primeiro paso consiste na obtención dunha listaxe actualizada do dominio, obtido grazas ás xestións dos técnicos da Biblioteca de Galicia e a colaboración desinteresada de PuntoGal, que o mantén dende a súa creación en 2014.
Despois, o Arquivo da Web Española procede ao gardado masivo de miles de sitios web. Tras unha primeira depuración de urls, eliminando aquelas que non existen ou cuxo acceso non estea permitido, realízase o gardado automatizado grazas a un programa especializado en rastrexar e gardar páxinas web -coñecido como Heritrix-, tendo en conta uns límites de profundidade e tamaño fixados de antemán.
O resultado é unha instantánea deste dominio que quedará para a posteridade, gardando unha ampla representacións de sitios web, nesta ocasión máis de 7.000. Preservar a memoria dixital é garantir que as futuras xeracións comprendan a riqueza da nosa lingua e cultura. O dominio .gal convértese así nun arquivo vivo da cultura galega na era dixital.
Xa que os contidos están suxeitos a dereitos de autor vixentes, só poden consultarse nos terminais seguros cos que conta a Biblioteca de Galicia como parte da rede de centros de conservación repartidos por toda España, ademais de a través da Búsqueda do Arquivo da Web Española | Biblioteca Nacional de España nos ordenadores da BNE.