A Biblioteca de Galicia e a BNE recollen máis de 7.000 dominios .gal en 2024

Imaxe

Finalizada con éxito a oitava recolección masiva anual, con máis de 1,8 TB almacenados que reflicten a identidade cultural galega

A Biblioteca Nacional de España (BNE), en colaboración coa Biblioteca de Galicia, finalizou con éxito a oitava recolección masiva do dominio .gal, que logrou recoller máis de 7.000 dominios. 

Durante o proceso, que tivo unha duración de dous días, almacenáronse máis de 1,8 TB de información dixital para a súa conservación a longo prazo.

Este traballo foi posible grazas a unha cooperación a tres bandas entre a Biblioteca de Galicia, a BNE e PuntoGal, a entidade encargada da xestión e promoción dos dominios .gal, que facilitou os dominios necesarios para completar esta importante tarefa. 

A preservación destes contidos web permitirá garantir o acceso futuro aos recursos dixitais que reflicten a identidade cultural galega. A recolección dos máis de 7.000 dominios puido realizarse de maneira eficiente e sen restricións de tamaño grazas á infraestrutura tecnolóxica da BNE.

Con este traballo, a Biblioteca de Galicia, a BNE e PuntoGal dan un paso máis en salvagarda da historia dixital de Galicia, garantindo que a riqueza da lingua e cultura galega siga sendo accesible para os investigadores, estudantes e cidadáns do futuro.

As eleccións galegas nas coleccións do Arquivo da Web Española

A Biblioteca de Galicia desempeñou un papel fundamental na cobertura das eleccións galegas celebradas o 18 de febreiro de 2024, seleccionando sitios web relativos a enquisas, sondaxes, estudos electorais e información electoral. Por outra banda e de maneira constante mantén unha colección propia con máis de 1.000 sitios web, achegando o seu coñecemento e experiencia na preservación do patrimonio galego.Este labor forma parte do compromiso da Biblioteca de Galicia e a Biblioteca Nacional de España coa preservación do patrimonio dixital e a súa misión de garantir o acceso á memoria colectiva da sociedade. 

Estes contidos pódense consultar a través da Búsqueda del Archivo de la Web Española | Biblioteca Nacional de España. Ao ter dereitos de autor vixentes só poderán consultarse desde os computadores habilitados na sede da Biblioteca de Galicia, así como naqueles da BNE e da rede de centros de conservación distribuídos por toda España.