A Biblioteca de Galicia estrea dous formularios para a consulta e a reprodución dixital dos seus fondos

Imaxe

As persoas usuarias poderán acceder a esta nova función no apartado Servizos da páxina web da biblioteca

A Biblioteca de Galicia pon a disposición do público dous formularios para a solicitude de obras para préstamo en sala e para a reprodución dixital dos seus fondos, así como dos materiais dispoñibles a través de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia.
 
Esta función, á que se pode acceder a través do apartado Servizos na propia páxina web da biblioteca, mellora o formato empregado até o momento, faino máis intuitivo para as persoas usuarias e simplifica o proceso técnico deste tipo de solicitudes de xeito interno.
 
Os dous formularios constan dunha serie de campos de datos a cubrir, algún dos cales serán obrigatorios para unha correcta atención das solicitudes e para coidar en todo momento a integridade dos materiais que conserva o centro.
 
Do mesmo xeito que co anterior método, o persoal técnico da Biblioteca de Galicia atenderá as solicitudes recibidas coa maior brevedade posible.