Canta compañeira canta | Concerto polo Día das Letras Galegas 2025

Imaxe

Felisa Segade e Merchi Rodríguez recuperan ao son de pandeiretas e voces a tradición oral galega nunha actuación na Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia celebra a Semana das Letras Galegas con Canta compañeira canta, unha actuación de Felisa Segade e Merchi Rodríguez que terá lugar este sábado 24 de maio no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca.

Este proxecto alude ás remudas, que non é máis que ese cambio de parellas para facer a música nas festas de pandeireta, nas que as mulleres son as encargadas de tocar e cantar para que outros bailen. Unha reminiscencia ao binomio representado por Adolfina e Rosa, cantareiras e tocadoras cuxa presenza constituía unha atracción destacada nas foliadas.

Cantigas, coplas, melodías, letras, cantares... A cantareira Felisa Segade leva máis de 40 anos percorrendo o país nunha labor minuciosa de escoita e recollida, pero tamén de sementeira, transmisión e divulgación, co obxectivo de perpetuar a herdanza, de fixar na memoria e manter vivo o noso patrimonio inmaterial. 

É a súa, unha voz que recolle o xeito máis ancestral do canto, da autenticidade, coa que traemos ao presente a todas esas mulleres anónimas transmisoras da lírica popular que merecen ser homenaxeadas. Cofundadora en 1989 do grupo Leilía, pioneiro na reivindicación das mulleres no folclore galego, Felisa Segade e Merchi Rodríguez, compañeiras nesta formación musical de traxectoria determinante para a música do país, recuperan ao son de pandeiretas e voces a tradición oral galega.

Información práctica

Concerto: Canta compañeira canta

Formación: Felisa Segade e Merchi Rodríguez

Data: sábado 24 de maio

Público: Xeral

Lugar: Auditorio da Biblioteca de Galicia

Horario: 19.00 horas

Prazas: 120

Entrada de balde, previa inscripción na web da Cidade da Cultura

Se as prazas están esgotadas, estate atento porque poden quedar prazas libres ao haber anulacións.