Fina Calleja dirixe este espectáculo vibrante e cheo do humor, protagonizado por Mónica Caamaño e Cris Collazo, co gallo do Ano Castelao
Que pasaría se puidésemos coñecer a Castelao cando era neno? Un rapaz de 8 anos, aventureiro, retranqueiro e cheo de imaxinación, xogando polos peiraos de Rianxo, debuxando máscaras de Entroido e escoitando historias da Santa Compaña dende o campanario. A obra Castelao achéganos a ese Daniel pequeno, que está a piques de marchar para Arxentina... pero antes, desaparece!
A Biblioteca de Galicia acolle esta proposta teatral co gallo do Ano Castelao: un espectáculo vibrante e cheo de humor dirixido por Fina Calleja e protagonizado por Mónica Caamaño e Cris Collazo. Unha peza pensada para público infantil que convida a participar activamente nunha historia chea de maxia e memoria.
A tensión dramática medra co reloxo: hai que atopar a Castelao antes de que zarpe o barco. A súa compañeira de viaxe é Baltasara, unha figura misteriosa que vive en todas partes e en ningures, e que nos guía por un percorrido máxico polos recunchos máis lendarios da vila. Entre xogos, palabras e debuxos, o neno Castelao deberá resolver os desafíos que lle agardan antes de cruzar o océano.
Un espectáculo divertido, trepidante e cheo de poesía visual que achega por primeira vez a figura de Castelao ao público infantil, poñendo en valor a súa creatividade, o seu amor polo país e a súa maneira única de mirar o mundo.
Información práctica
Espectáculo: Castelao
Compañía: Culturactiva Producións. Un texto de Paula Carballeira coa dirección de Fina Calleja, con Mónica Camaño e Cris Collazo en escena.
Data: sábado 14 de xuño
Público: infantil
Lugar: Auditorio da Biblioteca de Galicia
Horario: 18.00 horas
Duración: 60 minutos
Prazas: 120
De balde, previa inscripción na web da Cidade da Cultura
Se as prazas están esgotadas, estate atento porque poden quedar prazas libres ao haber anulacións.
Para calquera consulta escribe a bibliotecadegalicia [at] xunta.gal (bibliotecadegalicia[at]xunta[dot]gal)