Comisión de festas | Música, clown e teatro con Brais das Hortas na Biblioteca

Imaxe

Neste espectáculo de Brais das Hortas o escenario transformarase nun torreiro de festas grazas a implicación do público

A Biblioteca de Galicia acolle o próximo domingo 21 de xuño Comisión de Festas, o novo espectáculo de Brais das Hortas, gañador dos Premios Martín Códax da Música 2025, unha proposta que mestura música, clown e teatro nunha celebración colectiva chea de humor e participación.

Brais das Hortas ten un plan claro: armar a festa. Pero non pode facelo só. Para conseguilo precisa algo fundamental, unha Comisión de Festas. Neste espectáculo, o escenario transformarase nun auténtico torreiro de festas grazas á implicación do público, que pasará a formar parte activa desa comisión improvisada.

A música, o baile e a risa, unidos á interacción constante co público, irán convertendo pouco a pouco o espazo escénico nun campo da festa. Ao longo da función aparecerán situacións sorprendentes e cheas de imaxinación: unha galiña que canta con autotune en Tarde piaches, un selfie arriscado xunto a un pastor eléctrico que remata nun Calambrasso no brazo, ou un baile orgulloso e diverso a peito aberto en Peito Lobo.

Comisión de Festas é unha invitación a entender que, cando nos xuntamos, podemos encher o mundo de alegría.

Espectáculo con música ao vivo, clow e teatro

TÍTULO: COMISIÓN DE FESTAS

COMPAÑÍA: Brais das Hortas

DATA: 21.06.2026

PÚBLICO: Familiar e infantil

LUGAR: Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia

HORARIO: 12.00 h.

DURACIÓN: 50 minutos

PRAZAS: 125

INFORMACIÓN PRÁCTICA
  • A actividade é de balde, mais precisa inscrición na web da Cidade da Cultura
  • Se as prazas están esgotadas, estade atentas/os porque pode quedar algunha libre ao haber anulacións
  • Para calquera consulta, contactar con
    bibliotecadegalicia [at] xunta.gal (bibliotecadegalicia[at]xunta[dot]gal)
Música, clown e teatro na Biblioteca