Este obradoiro impartido polo CSIC é unha oportunidade para achegar a investigación científica á rapazada dun xeito lúdico e participativo
Un cofre misterioso chega das Illas Cíes cun código secreto. Para abrilo, precisamos un equipo de pequenas e pequenos investigadores que saiban observar, buscar pistas e traballar en equipo. A misión? Resolver sete retos nos que cada proba superada será un paso máis para descubrir o segredo que agocha o cofre.
Esta actividade, que organiza a Biblioteca de Galicia este sábado 14 de novembro con motivo do Mes da Ciencia en Galego, é unha oportunidade para achegar a investigación científica á rapazada dun xeito lúdico e participativo. Mensaxes cifradas, códigos de letras, crucigramas ilustrados, adiviñas e xogos de observación serán algunhas das probas que deberán superar as persoas participantes. Pero, atención, porque para resolver os enigmas tamén haberá que poñer a ciencia en práctica.
Como podemos pescar sardiñas sen esgotar os recursos do mar? Sabes distinguir unha lura dunha pota? Onde se conserva millo resistente ás pragas? Como podemos identificar un antigo camiño de peregrinación a Santiago ou descubrir a quen pertenceu o escudo dunha casa antiga? E que aparellos necesita un barco científico para explorar o fondo mariño?
A través dun xogo de escape room, os equipos achegaranse a diferentes ámbitos da investigación científica, desde a contaminación mariña e a pesca sostible ata a prevención de pragas nos vexetais e a conservación do patrimonio cultural e histórico galego.
A actividade comezará cunha presentación do CSIC e do traballo que realizan os seus centros en Galicia. Despois, chegará o momento de abrir o cofre e organizar os equipos: cada un recibirá unha serie de carpetas con información visual, pistas e pequenos desafíos. Ao superar as probas, conseguirán as pezas necesarias para resolver o enigma final e descubrir o código secreto.
Novembro Mes da Ciencia
ACTIVIDADE: Obradoiro
POR CONTA DE: CSIC
DATA: 14/11/2026
PÚBLICO: Rapazada de 6 a 11 anos
LUGAR: Sala I da Biblioteca de Galicia
HORARIO: 17.30 horas
DURACIÓN: 60 minutos
PRAZAS: 20
INFORMACIÓN PRÁCTICA
- A actividade é de balde, mais precisa inscrición na web da Cidade da Cultura
- Se as prazas están esgotadas, estade atentas/os porque pode quedar algunha libre ao haber anulacións
- As prazas de acompañantes son para nenas/os que participen no obradoiro. Os adultos non poderán permanecer na aula durante este tipo de obradoiros.
- Para calquera consulta, contactar con
bibliotecadegalicia [at] xunta.gal (bibliotecadegalicia[at]xunta[dot]gal)