O Proceso | Espectáculo con motivo do Día do Teatro na Biblioteca de Galicia

Imaxe

Diálogos áxiles e brillantes, humor, cancións, poesía e emoción combínanse nunha proposta que achega ao público un episodio histórico moi significativo da cultura galega

Partimos dun feito real: no ano 1880, Curros Enríquez foi denunciado polo bispo de Ourense por varios poemas do seu libro Aires da miña terra, unha das obras fundamentais do Rexurdimento Galego. A pesar do criterio contrario do fiscal, o proceso seguiu adiante e o escritor foi finalmente condenado. A partir destes feitos históricos, Cándido Pazó construíu O proceso, unha peza teatral en ton de sainete cómico que revive con humor, música e poesía este episodio pouco coñecido, abordando tamén temas sempre vixentes como a lingua, a cultura, a identidade e cuestións como o que hoxe se coñece como lawfare.

Tres actores e unha actriz dan vida a once personaxes distintos: figuras populares como un zapateiro, unha lavandeira, un taberneiro ou un músico militar; perfís burgueses como un boticario e a súa esposa; figuras institucionais como un crego, un bispo ou un xuíz; a figura intelectual do propio Curros Enríquez; e unha figura simbólica e poética, o “maio de flores cuberto”, dedicado á esperanza e lembrado nun dos poemas máis célebres do autor.

Diálogos áxiles e brillantes, humor, cancións, poesía e emoción combínanse nesta proposta que se presenta este venres 27 de marzo no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia con motivo do Día do Teatro, achegando ao público un episodio histórico moi significativo da cultura galega.

Conmemoración do Día do Teatro

ACTIVIDADE: Espectáculo teatral 

TÍTULO: O Proceso

COMPAÑÍA: Malasombra Producións

DATA: 27.03.2026

PÚBLICO: Xeral

LUGAR: Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia

HORARIO: 19:00 horas

DURACIÓN: 75 minutos

INFORMACIÓN PRÁCTICA
  • O espectáculo é de balde, mais precisa inscrición na web da Cidade da Cultura
  • Se as prazas están esgotadas, estade atentas/os porque pode quedar algunha libre ao haber anulacións
  • Para calquera consulta, contactar con
    bibliotecadegalicia [at] xunta.gal (bibliotecadegalicia[at]xunta[dot]gal)
Día do Teatro