A Biblioteca de Galicia celebra o Día da alfabetización cun novo obradoiro para nenas e nenos de 3 a 8 anos
Coñecedes a Rosiña? É unha galiña que pon ovos de conto! Si, liches ben, unha galiña que pon ovos que son personaxes de conto. A pobriña está nun apuro: ten unha encarga de varias ducias destes ovos para a feira e non dá feito. Botámoslle unha man?
Unha actividade creativa que xunta narración e obradoiro, literatura e plástica, na que a rapazada, despois de escoitar a narración da vida da galiña, elaborará bonecos dos personaxes dun conto que inventarán coa axuda da pita. Non é unha narración pasiva, senón moi participativa na que a cativada manipulará os bonecos e colaborará na creación da historia.
Presentaremos a Rosiña, que é moi particular xa que está feita de papel, come letras e pon ovos que son personaxes de conto. Entre todas e todos imos darlle de comer e recolleremos uns ovos do galiñeiro; con cada un que vaiamos sacando iremos enchendo unha caixa e contando un conto. Mais a galiña non puxo suficientes ovos para rematar a historia! Así comeza a segunda parte da sesión na que aprenderemos a modelar novos bonecos e remataremos colectivamente o conto. Aprenderán a facer a masa e levarán a receita para facela e xogar con ela todas as veces que queiran.
Información práctica
Obradoiro: A galiña dos ovos de conto
Imparte: Pedras de papel. Artesanía e patrimonio
Data: sábado 13 de setembro
Público: infantil e familiar, de 3 a 8 anos.
Lugar: Sala 1 da Biblioteca de Galicia
Horario: 17.30 horas
Duración: 70 minutos
Prazas: 20
De balde, previa inscrición na web da Cidade da Cultura
Se as prazas están esgotadas, estate atento porque poden quedar prazas libres ao haber anulacións.
Para calquera consulta escribe a bibliotecadegalicia [at] xunta.gal (bibliotecadegalicia[at]xunta[dot]gal)