Que é un scriptorium medieval? Obradoiro de paleografía para descifrar escrituras antigas

Imaxe

A Biblioteca de Galicia celebra o mes da ciencia con varios obradoiros destinados a público familiar

Neste obradoiro de Paleografía a rapazada descubrirá esta ciencia dun xeito ameno a partir de mostras de documentación medieval e moderna, tanto pergameos orixinais coma facsímiles (Tombo A, Cantigas de Santa María ou pergameos notariais do século XV).

Explicaranse todos os retos aos que se teñen que enfrontar os historiadores e as historiadoras cando se atopan con estes materiais (escrituras case imposibles de descifrar, roturas, abreviaturas complicadas, tintas esvaídas…) así coma as partes que debe ter un documento notarial. Deste xeito, os nenos e as nenas deberán elaborar o seu propio documento medieval con pluma e tinta, e validalo cun selo pendente de fíos de seda ao máis puro estilo medieval. 

Ademais, terán que asinar como confirmantes dun mural que iluminarán ao final da sesión.

Información práctica

Sábado 23 de novembro, de 17.00 a 18.30 horas

Aula I da Biblioteca de Galicia

Público: 8 a 12 anos

Imparte: Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC

De balde, previa inscripción na web