A través dunha posta en escea chea de cor e movemento, o público poderá descubrir que o aburrimento é o motor que impulsa a creatividade
Que pasaría se deixaramos entrar ao aburrimento? Se, por un momento, non houbese nada que facer? Quizáis esta é exactamente a porta á imaxinación e a fantasía. A tarabela ambulante: Idea é un espectáculo teatral para a cativada que nos mergulla na historia de Mariña. Unha nena que, grazas ao aburrimento, entra nun universo cheo de seres fantásticos. En conmemoración co Día da Lingua Materna, o próximo sábado 21 de febreiro, a Biblioteca de Galicia trae esta proposta para gozar en familia e descubrir que o aburrimento é o motor que impulsa a creatividade.
A través dunha posta en escena chea de cor e movemento, coñecemos como o pensamento de Mariña toma forma nunha tarabela xigante de máis de dous metros que xira sen parar, facendo nacer ideas, xogos e aventuras. No seu cuarto, a pequena enfrontarase a dragóns e xigantes, descubrirá a forza do enxeño e mesmo aprenderá a tocar o violoncello, demostrando que cando a imaxinación se activa, todo é posible.
Xunto a Mariña, a rapazada descubrirá que os xoguetes poden ser enormes, que a maxia existe, que a música alegra o corazón e que nas súas propias cabeciñas agóchanse ideas formidables. Unha viaxe chea de fantasía que convida a mirar o aburrimento como un espazo fértil onde comezan todas as historias.
Día da Lingua Materna
ACTIVIDADE: Espectáculo teatral
TÍTULO: A TARABELA AMBULANTE: IDEA
COMPAÑÍA: Tarabela Creativa
DATA: sábado 21 de febreiro
PÚBLICO: infantil e familiar
LUGAR: Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia
HORARIO: 18.00 horas
DURACIÓN: 50 minutos
PRAZAS: 130
INFORMACIÓN PRÁCTICA
- O espectáculo é de balde, mais precisa inscrición na web da Cidade da Cultura
- Se as prazas están esgotadas, estade atentas/os porque pode quedar algunha libre ao haber anulacións
- Para calquera consulta, contactar con
bibliotecadegalicia [at] xunta.gal (bibliotecadegalicia[at]xunta[dot]gal)