As tolas que non quixeron calar | Conversa con Carmen Valiña na Biblioteca de Galicia

Imaxe

A Biblioteca acolle unha actividade arredor da correspondencia e memoria das internas do manicomio de Conxo con motivo do Día das Escritoras

Conxo foi o gran manicomio do noroeste peninsular ata ben entrado o século XX. Entre as súas paredes acabaron internadas centos de mulleres, moitas delas analfabetas que, contra todo prognóstico, deixaron por escrito as súas vivencias en centenares de cartas. Que nos contan esas cartas? E como entender o exercicio de resistencia e memoria que supón escribir desde un lugar así?

Con motivo do Día das Escritoras, a Biblioteca de Galicia acolle o próximo luns 19 de outubro unha conversa con Carmen V. Valiña arredor da correspondencia e memoria das internas do manicomio de Conxo. Achegarase ás palabras das propias internas para reconstruír unha historia marcada pola violencia e os abusos, pero tamén pola reivindicación da propia cordura, a vontade de ser escoitadas e unha fonda expresión da súa subxectividade.

Doutora en Historia Contemporánea e profesora na Universidad Internacional de Valencia (VIU), Carmen V. Valiña é tamén creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos. A súa investigación céntrase na memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX, que aborda tamén a través da ficción e da escrita autobiográfica.

Dende 2021, as mulleres internas no manicomio de Conxo son o centro da súa investigación. Froito deste traballo é o ensaio As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo. 1885-1936 (Galaxia, 2025), galardoado co Premio Antón Losada Diéguez 2026 na categoría de ensaio e investigación e publicado recentemente en castelán.

Valiña é tamén autora de Illa de Sangue (Galaxia, 2025), obra gañadora do Premio Narrativa Breve Repsol 2025.

Conversa polo Día da Escritoras

ACTIVIDADE: Charla

IMPARTE: Carmen V. Valiña

DATA: 19/10/2026

PÚBLICO: Xeral

LUGAR: Sala I da Biblioteca de Galicia

HORARIO: 18.00 horas

DURACIÓN: 60 minutos

PRAZAS: 30

INFORMACIÓN PRÁCTICA
  • A actividade é de balde, mais precisa inscrición na web da Cidade da Cultura
  • Se as prazas están esgotadas, estade atentas/os porque pode quedar algunha libre ao haber anulacións
  • Para calquera consulta, contactar con
    bibliotecadegalicia [at] xunta.gal (bibliotecadegalicia[at]xunta[dot]gal)
Día das Escritoras