O 23 de abril terá lugar unha visita guiada á Biblioteca de Galicia para coñecer a súa historia, os seus fondos e máis curiosidades
Como cada ano o 23 de abril, a Biblioteca de Galicia únese á celebración do Día do Libro cunha proposta que trata de achegar o funcionamento da institución ao público, abrindo as súas portas a unha visita guiada que percorre lugares das instalacións ás que non se pode acceder normalmente. Ademais, como é costume neste tipo de celebracións, haberá agasallo de libros sorpresa para as persoas usuarias que se acheguen durante esta xornada á Biblioteca.
Visita guiada
Nestas visitas especiais que organiza a Biblioteca co motivo de efemérides específicas, o persoal técnico explicará aos asistentes os servizos que ofrece a institución, amosando espazos de acceso restrinxido onde se custodian a maior parte dos seus fondos e máis curiosidades.
A visita nesta xornada será en horario de mañá, ás 12.00 horas, e durará unha hora aproximadamente. A proposta é de balde e precisa inscrición na web da Cidade da Cultura ata esgotar as 15 prazas dispoñibles.
Agasallo de libros
A Biblioteca selecciona para esta ocasión unha serie de libros para completar cen bolsas de agasallo. Todas as persoas que se acheguen ás instalacións durante a xornada do 23 de abril poderán coller unha destas bolsas sorpresa, situadas no mostrador de acceso á sala de consulta. Entregaranse ata agotar existencias.
Información práctica
Visita guiada á Biblioteca de Galicia polo Día do Libro 2026
Data: xoves 23 de abril
Hora: 12.00 horas
Duración: 60 minutos
De balde, previa inscrición na web:
https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/dia-do-libro-na-biblioteca-de-galicia-2026
Número de prazas: 15