Intelixencia Artificial: novas posibilidades para as bibliotecas

Imaxe
07 de Febreiro 2025, 9:30 - 14:30

Esta nova xornada técnica da Biblioteca xirou arredor das transformacións e desafíos desta tecnoloxía nos servizos bibliotecarios

A Biblioteca de Galicia vén de organizar unha nova xornada técnica cos desafíos que traerá a intelixencia artificial ao mundo das bibliotecas como eixo principal.

Xa é unha realidade que a intelixencia artificial está a transformar servizos intrinsecamente bibliotecarios como o acceso á información. Os novos buscadores baseados en IA xa accesibles en Internet son unha ferramenta fundamental para sectores da sociedade cada vez máis amplos. A facilidade das súas consultas empregando a linguaxe natural e a precisión dos resultados que devolven, fan que o seu uso se estea a estender máis alá da comunidade educativa. 

Maila que as vantaxes no acceso a información que proporcionarán estas ferramentas de IA xenerativa serán incuestionables, tamén será determinante que os profesionais bibliotecarios conten cos coñecementos e capacidades necesarias para orientar aos usuarios nun uso responsable e crítico das mesmas. 

A xestión documental, a catalogación ou a xeración de metadatos tamén serán áreas do traballo bibliotecario que se verán afectadas pola implementación das novas posibilidades que xurdan da intelixencia artificial. Mesmo a creación de contidos, textuais e gráficos, non escapa ao cambio de paradigma que trae e traerá a IA.

Todos estes desafíos e transformacións tratáronse na xornada técnica da Biblioteca de Galicia. Para isto seleccionáronse algunhas das institucións que están a levar a cabo os estudos ou proxectos máis importantes a nivel estatal relacionados coa IA en bibliotecas: a Biblioteca Nacional de España, a Sociedad Española de Documentación e Información Científica (SEDIC), o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), a Fundación March e a Universidade de Granada. 

Un representante de cada unha delas estivo presente na xornada para compartir as súas experiencias, que contou tamén coa presencia dos compañeiros do Instituto da Lingua Galega e da Universidade de Santiago que están a desenvolver o Proxecto Nós, un proxecto que, maila non estar directamente relacionado co mundo das bibliotecas, é fundamental para promover a presenza dixital do galego xa que ten como obxectivo crear os recursos dixitais e lingüísticos necesarios para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia artificial (IA) e Tecnoloxías da Linguaxe (TL) tales como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais en galego. 

Información práctica

Día: Venres 7 de febreiro de 2025

Horario: 09:30 – 14:30 horas 

Lugar: Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia

Inscrición libre e gratuita na web da Cidade da Cultura ata completar as 100 prazas dispoñibles

Documentación