RDA: estado da cuestión

Imaxe
13 de Decembro 2019, 10:00 - 15:30

O novo modelo de catalogación é o protagonista da xornada técnica da BdG

Desde hai xa tres anos, a Biblioteca de Galicia pon en marcha un programa de xornadas técnicas co obxectivo de mellorar a formación e dar a coñecer outras realidades bibliotecarias aos profesionais que traballan nas institucións da memoria galegas. 

O 13 de decembro terá lugar unha nova xornada que se centrará no estándar RDA (Resource Description and Access), deseñado por representantes das principais institucións bibliotecarias, fundamentalmente do mundo anglosaxón como a Library of Congress ou a British Libray, para describir e dar acceso aos recursos bibliográficos e documentais adaptado ao mundo dixital. 

Aínda que este código de catalogación está publicado desde o ano 2010, a súa adaptación nas bibliotecas españolas non termina de poñerse en marcha. A Biblioteca Nacional de España, a Biblioteca de Catalunya ou a Biblioteca da Universitat de les Illes Balears son das poucas institucións que están a facer esforzos reais para tratar de implementar RDA nos seus procesos de catalogación. 

Na xornada organizada pola Biblioteca de Galicia estarán presentes representantes destas tres institucións, que tratarán de achegar aos asistentes como é o proceso de desenvolvemento das normas RDA nas súas bibliotecas, as facilidades e dificultades que se están atopando e que obxectivos se están a marcar nos próximos anos. 

Para completar a xornada buscouse a colaboración das bibliotecas das tres universidades galegas, así como do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia. Nunha mesa de debate, na que tamén estarán representantes da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e da propia Biblioteca de Galicia, tratarase de expoñer, non só cal é o grado de implantación deste novo código de catalogación nas bibliotecas galegas, senón tamén ata que punto as colaboracións entre todas as institucións bibliotecarias da nosa comunidade será imprescindible para que o proceso de adaptación a RDA sexa satisfactorio, tanto para os profesionais que traballan nelas como para os usuarios.