A Biblioteca de Galicia organiza unha nova exposición con máis de 100 pezas representativas deste xénero literario
Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego é a nova exposición que organiza a Biblioteca de Galicia na que os visitantes van poder achegarse a unha mostra representativa deste xénero literario.
A través de máis de 100 pezas bibliográficas custodiadas no centro, así como gravados, manuscritos e outros materiais achegados polas autoras e autores expostos, búscase reivindicar a importancia da literatura fantástica, tanto a escrita orixinalmente en galego como a traducida ao noso idioma.
Esta mostra pretende desterrar os prexuízos que existen sobre un xénero moitas veces estigmatizado como “menor”, superficial ou de escasa calidade, asociado decotío a un público infantil e xuvenil, como demostra o feito de que a maioría de editoriais galegas careceron de coleccións específicas dedicadas ao xénero fantástico.
Comisariada pola escritora Alba Rozas Arceo e o técnico da biblioteca Lorenzo Romero Castro, a exposición divídise en catro seccións: tradición popular galega, fantasía, ciencia ficción e terror. Cada unha delas distribúese á súa vez en tres subseccións que afondan nun aspecto do xénero a tratar, compoñendo un total de 12 vitrinas nas que o discurso expositivo complétase coas ilustracións de Iago Torres París.
Un lugar no que agroma a fantasía
Galicia sempre foi un lugar proclive á fantasía. O seu rico acervo de lendas e tradicións de influencia celta e precristiá e mesmo factores climáticos e orográficos (chuvia, néboa, fragas espesas, montañas sombrías...) contribuíron á xestación dunha atmosfera adecuada para poboar a súa mitoloxía de seres fantásticos e a transmitila principalmente de modo oral, arredor da lareira.
A literatura fantástica en galego ten a súa orixe nesta tradición popular que enraíza na mitoloxía e no folclore propios, como se reflicte na primeira sección das catro que compoñen a exposición.
Aínda sen ter a súa orixe en Galicia, a literatura galega fixo tal apropiación da Materia de Bretaña (os textos medievais que tratan sobre a lenda do Rei Artur e os cabaleiros da mesa redonda na procura do Santo Graal) que podería pasar por un subxénero autóctono.
O mesmo se pode afirmar do realismo máxico: esa capacidade de descubrir o extraordinario no cotián e viceversa concorda co imaxinario galego, acostumado a unha íntima convivencia coa morte, a tratar as cuestións de ultratumba cunha certa cotiandade e a dotar de vida os elementos da natureza.
As tres seccións restantes céntranse nos tres grandes subxéneros da literatura fantástica: a fantasía, a ciencia ficción e o terror sobrenatural. En cada unha delas expóñense obras fundamentais de cada subxénero que estean traducidas ao galego (autores hoxe canónicos coma J. R. R. Tolkien, Robert E. Howard ou Ursula K. Le Guin no eido da Fantasía; Mary Shelley, H. G. Wells ou Philip K. Dick no da Ciencia Ficción; Shirley Jackson, Edgar Allan Poe ou H. P. Lovecraft no do Terror) e obras de creadores galegos escritas orixinariamente no noso idioma.
A historia da literatura fantástica galega
De xeito transversal, nestas catro seccións poderemos realizar unha viaxe pola historia deste xénero na nosa lingua. Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego amosa a viva presenza do fantástico nas nosas letras desde principios do século pasado, coa obra de 1919 de Vicente Risco Do caso que ll'aconteceu ó doutor Alveiros, ata á actualidade.
Na mostra atopamos figuras tan relevantes para a recuperación e revalorización da nosa cultura coma o propio Risco, Dieste, Castelao, Cunqueiro, Ánxel Fole ou Méndez Ferrín; pasando por creadores que continuaron este legado e foron abrindo novos vieiros finalizada a ditadura, cando a lenta e dificultosa entrada do galego en esferas que tiña vedadas, coma a do ensino ou a dos medios de comunicación, posibilitou un incremento no número de lectores en galego que demandaban obras de xéneros xa establecidos en mercados máis consolidados.
Escritores da importancia de Darío Xohán Cabana, Agustín Fernández Paz, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Caride, Manuel Lourenzo González, Manuel Rivas ou Suso de Toro serviron de ponte entre os “precursores” e un comezo de século no que ten lugar un feito decisivo: o nacemento de Urco, primeira editorial dedicada á publicación sistemática e especializada de literatura fantástica, tanto de creación propia como de tradución.
Seguiríaa Contos Estraños, inicialmente selo de Urco, editora independente despois, que destacou pola súa publicación homónima e que serviu para dar a coñecer a obra de moitos autores e autoras de xénero fantástico en lingua galega: Tomás González Ahola, Fernando M. Cimadevila, Jorge Emilio Bóveda, Roberto A. Rodrigues, Vanesa Santiago, Fabián Plaza, Manuel Moledo, Jacobo Sánchez-Feijóo, Santiago Bergantinhos ou Alba Rozas Arceo, por citar uns poucos.
Hoxe en día Boadicea, nacida en 2022 e impulsada por Alba Rozas, José Manuel Dopazo e Marcos López, é a única editora especializada nestes xéneros en galego, pero non a única que publica obras de corte fantástico: noutras editoriais apareceron recentemente obras de Concha Blanco, Iolanda Zúñiga, María Reimóndez, Patricia A. Janeiro, Elena Gallego, Lara Dopazo Ruibal ou Ramón Area, demostrando que o fantástico nas nosas letras está moi vivo.
Información práctica
Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego
Exposición na Biblioteca de Galicia, Outubro 2024-Maio 2025
Comisarios: Alba Rozas Arceo / Lorenzo Romero Castro