A Biblioteca de Galicia quixo poñer en valor o pontencial da LIX galega
No ano 2023 a Biblioteca de Galicia foi de novo a organizadora dunha xornada técnica que pretendeu achegar aos profesionais coñecementos especializados e actualizados sobre o noso patrimonio bibliográfico.
Aproveitando que nos primeiros meses do ano aínda se podía visitar a exposición Unha árbore de historias: cen anos del literatura infantil e xuvenil en galego, a Biblioteca de Galicia organizou no seu auditorio o día 24 de marzo unha xornada de técnica para que os asistentes puidesen reforzar a súa formación sobre a LIX galega.
Baixo o título Un bosque cheo de libros: a literatura infantil e xuvenil en galego na actualidade, a xornada pretendeu ser un percorrido polos 100 anos da literatura infantil e xuvenil galega, o mesmo período que repasaba a exposición “Unha árbore de historias”. No seu transcurso deuse o espazo para facer balance de todos aqueles elementos que conformaron a literatura infantil e xuvenil de noso tal e como a coñecemos hoxe en día, pero tamén se puxo o foco nos libros actuais para o lectorado en formación.
A través da experiencia, das reflexións e do debate entre autoras, ilustradores e especialistas en literatura infantil e xuvenil, a xornada pretendeu achegar claves para a mediación lectora, particularmente dende as bibliotecas, á vez que reflexionar sobre o estado das nosas creacións para a infancia e a mocidade.