Transformando a música en patrimonio

Imaxe
31 de Maio 2024, 9:00 - 19:00

Esta nova xornada técnica da BdG xirou arredor do patrimonio sonoro tomando como referencia a exposición Botamos un baile?

O venres 31 de maio de 2024 tivo lugar unha nova xornada técnica na Biblioteca de Galicia. Como cada ano a institución cabeceira do Sistema de Bibliotecas da nosa comunidade autónoma organiza unha serie de encontros para  analizar e debater algún dos temas transversais vencellados as nosas institucións da memoria. Nesta ocasión a xornada estivo centrada no patrimonio sonoro. Os documentos sonoros e audiovisuais tamén forman parte do acervo cultural dun pobo, e como tales deben preservarse e difundirse.

A xornada organizada pola Biblioteca de Galicia tivo como obxectivo que os asistentes coñecesen non só como se está a traballar sobre o patrimonio sonoro en bibliotecas como a Bibliotecas Nacional de España ou a Biblioteca de Catalunya, senón tamén achegarse ao labor que está a desenvolver en institucións como o Arquivo Sonoro de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega, ou o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, posto en marcha polo Museo do Pobo Galego, para conservar a herdanza sonora de todas as galegas e galegos.

Neste novo encontro non se quixo deixar de lado a investigación que se está a realizar, fundamentalmente desde as universidades, para coñecer o patrimonio sonoro galego, tanto material como inmaterial.