Mes da ciencia en galego nas bibliotecas 2025

mesdaciencia_xeral
O deber de coñecer e transmitir a nosa historia científica

Con motivo do Día Mundial da Ciencia, que se celebra o día 10 de novembro, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en marcha un ano máis o Mes da ciencia en galego nas bibliotecas.

Durante todo o mes de novembro terán lugar obradoiros, contacontos, espectáculos, mostras bibliográficas e charlas nas bibliotecas galegas co denominador común da divulgación científica e o obxectivo de achegar a ciencia a pequenos e maiores.

O manifesto deste ano 2025, baixo o título Tecendo o futuro: Galicia como ecosistema de innovación, foi elaborado por Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo. Actualmente dirixe o Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos nesa universidade.